Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de Boqueixón ofrece preto de 200 prazas para o programa de conciliación Verán Activo e para os Campamentos estivais


As solicitudes deberán formalizarse ata o 21 de maio

Increméntanse as bonificacións nas dúas propostas de lecer

O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de inscrición para o programa de conciliación Verán Activo e as preinscricións para os Campamentos de Verán. En total, ofrécense preto de 200 prazas para ambas as dúas propostas de lecer estival. As familias interesadas deberán formalizar as súas solicitudes antes do 21 de maio.

O desenvolvemento das actividades contará coa adopción das medidas hixiénico-sanitarias necesarias para cumprir a normativa vixente en materia de prevención contra a expansión da COVID-19. Así, os e as menores participantes dividiranse en grupos independentes garantindo, deste xeito, as devanditas medidas de seguridade.

Verán Activo, diríxese a escolares de Educación Infantil e Primaria (entre 3 e 12 anos) e desenvolveranse entre o 23 de xuño e o 7 de setembro. Ofértanse un total de 135 prazas divididas en 4 quendas: do 23 ao 30 de xuño (con 25 prazas); mes de xullo (60); mes de agosto (30), e do 1 ao 7 de setembro (20).

As propostas deste programa lúdico-educativo para facilitar a vida persoal, familiar e laboral desenvolverase nas instalacións municipais de O Forte e do CPIP Antonio Orza Couto. O horario será de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. Ofrécese a posibilidade de ampliación horaria por conciliación nos meses de xullo e agosto de 08.00 a 09.00 e de 14.00 a 15.00 horas.

As reservas pódense realizar por semana, quincena, mes ou días soltos. Os prezos varían dende os 10 € (por xornada) ata os 120 € (por mes completo), aos que se sumarían os custos correspondentes ás horas de ampliación por conciliación, de ser o caso.

As familias interesadas en realizar a inscrición deberán remitir a ficha correspondente (dispoñible na web municipal), xunto coa documentación requerida. As solicitudes presentanrase, preferentemente, a través da sede electrónica do Concello de Boqueixón, se ben tamén se poden presentar presencialmente por rexistro (solicitando cita previa).

Pola súa banda, os Campamentos de Verán desenvolveranse entre os días 23 e 30 de xuño. Ofertan un total de 50 prazas dirixidas a escolares de Primaria (nados/as entre 2009 e 2012) e Secundaria. As actividades levaranse a cabo nunha zona de praia a determinar. O prezo é de 195 euros.

As familias interesadas deberán realizar a preinscrición ata o 21 de maio remitindo a ficha de solicitude (dispoñible na web municipal) por correo electrónico a omix@boqueixon.com. De ser o caso, coa finalidade de establecer a orde de prioridade, o Concello solicitará a documentación necesaria. Tras esta primeira fase, publicarase na web municipal a listaxe de admitidos/as. O prazo de matrícula abrirase do 4 ao 13 de xuño no que se deberá presentar a toda a documentación necesaria (preferentemente, polo rexistro telemático).

Conscientes da situación económica derivada da pandemia por mor da COVID-19, o Concello ampliáronse as bonificacións nos prezos das actividades. Para acceder a elas, deberase presentar a declaración da Renda do 2020. Toda a información sobre a redución nas contías dos servizos pódense consultar na web municipal (www.boqueixon.gal).